Traduce al gallego o a otro idioma

miércoles, 8 de marzo de 2017

RAÍÑA LUPA


A Raíña Lupa é unha das moitas mulleres bravas de Galicia, por iso lle dicían as lendas Loba ou Luparia, como fero e bravo é o cánido salvaxe que protagoniza tantos dos nosos contos de inverno na lareira. Algúns escritos localizan a súa morada e dominios no Castro de Mallou (Carnota) na Idade do Ferro, e ata falan moitas lerias do grande tesouro da Raíña Lupa, agochado e nunca atopado nunha cova interna do encoadoiro do Ézaro (Dumbría), onde ferve o Xallas. 


Por si fora pouca a vinculación desta soberana entre castrexa e medio "moura" coa Costa da Morte, aínda habería que lembrar que calqueira roteiro polo Monte Pindo que se precie deberá pasar a carón dos Xigantes,  uns enormes penedos graníticos con certo xeito antropomórfico que parecen vixiar e gardar o reino misterioso de Luparia. 
O medieval Códice Calixtino menciona tamén a esta raíña coma unha persoaxe ben significada e importante na lenda da traslación dos restos do apóstolo Santiago, si ben sempre desde a intención sincrética do Cristianismo de adaptar as figuras consolidadas na cultura ancestral autóctona á súa inclinación relixiosa. Nesta historia, unha intelixente Lupa engana por dúas veces á cansina comitiva mortuoria para desfacerse deles e, na segunda, mándaos xunguir uns bois seus que en realidade eran touros tan bravos coma ela. Indómita e agreste no imaxinario, nembargantes a raíña convírtese no texto publicitario do Camiño de Santiago á fé cristiá ao ver _ según o Códice_ como as bestas ficaban mansas por miragre do santos restos. Esta campaña publicitaria medieval deulles éxito ate hoxe en día. 


Lanuxos quixo materializar en lá esta arrichada e temible soberana galega e dotouna de rexio toucado lupario na súa testa, así como dun cetro con cornos de touro lembrando aquel episodio lendario. Que as mulleres guerreiras non señan condenadas ao esquecemento!