Traduce al gallego o a otro idioma

martes, 7 de octubre de 2014

CAMALEÓN GARDAPIXAMA

Mide 15x15x15 cm3, é vermello e ten os ollos ben saltóns, así como a lingua e o rabo enrosquelados. Chámase como ti queiras, aínda que apelídase Lanuxo e durante o día pode gardar o teu pixama. Lévame a casa, que dicía o outro...


O camaleón vermello mirou de esguello co seu ollo dereito —co que dicían que podía ver as ocultas intencións de calquera adversario— ao neno que tiña en fronte. Pese a que o cativo triplicábao en tamaño, amosábase ergueito á altura da pola na que aquel estaba encaramado e mantiña a boca aberta, non lle pareceu demasiado perigoso debido quizais á súa pálida pel de humano. "Unha tez moi clara para estar irritado ou famento", pensou o león de terra, que sabía que a el o seu estado de ánimo interno ou as súas necesidades corporais facíanlle lucir na áspera dermis as cores máis exuberantes da natureza: amarelo coa ira, verde co desexo, azul co cansazo ou vermello coas ganas de ouriñar... pero, rosa? que significaba o rosado? O camaleón sen orellas non podía escoitar o berro, mestura de asombro e de ledicia, do rapaz ao descubrilo cazando cempés entre as follas da matogueira, mais supuxo que buscaba a mesma presa que el e tivo que actuar con toda a velocidade de que era quen. Sen mover nin un membro, arroxou de si unha lingua viscosa tan longa como todo o seu corpo enteiro empapando e atrapando ao dinámico insecto anelado. Nun segundo, mentres a imaxe do becho aínda permanecía na retina do neno, a súa sustancia foi engullida pola panza do camaleón coma se xamais estivese na pola. "O cazador máis lento do bosque, e o máis rápido comensal", pensaron ao unísono ambas criaturas. E sorríronse.


No hay comentarios:

Publicar un comentario