Traduce al gallego o a otro idioma

miércoles, 8 de marzo de 2017

RAÍÑA LUPA


Oigan, nenos e maiores, 
olláparos de todas cores, 
apalpadores e meighas, 
polbos e trolls da xaneira, 

Barbanzáns e barbanzanas, 
de alén mar ou da montaña. 
escoiten abrindo os ollos, 
aínda que teñan un soio. 

Que a lenda da Raíña Lupa 
quizais non a oíron nunca 
 i era ben brava mullere 
dona de hoxe canto vedes. 

De Iria Flavia ao Pico Sacro, 
de Mallou a Caldebarcos 
tiña homes e tiña bois, 
tiña lobos e  dragois. 

Tamén tiña moito xenio, 
con el facía sortilexios: 
convertíase en serpe 
na alborada de setembre, 

 Peiteaba cabelo de moura 
no San Xoán alí na Moa 
antes de raiar o día, 
que vela daba ledicia. 

Mesmiño no Monte Pindo, 
na ruxidoira do río, 
nunha agochada espenuca 
gran tesouro tiña Lupa. 

Dis que a fervenza do Xallas 
de moedas d´ouro brilaba 
cando apousaba o sol alí 
no anovado rexurdir. 

Moitos fóronnas buscare 
por ver de se ben aquelare: 
e non acharon máis riqueza 
que a da nosa natureza; 

que nos dá o que precisamos 
si con amor a tratamos, 
e coidándoa e labrándoa 
énchenos de ricas viandas. 

Conta o Códice Calixtino, 
esa guía do Camiño, 
que chegou de Terra Santa 
unha comitiva estrana. 

Acompañaban ao corpo 
dis de Santiago Apóstolo 
e ao baixalo da barca 
buscaban quen o cargara. 

Uns bois pedíronlle a Lupa 
e a raíña, que era ben lurpia, 
guiounos ao alto dun covelo 
como para ir cazar cotovelos. 

Recibiunos un gran dragón 
que cáseque os chamuscou 
e unha parella de touros 
aventando fume mouro.

A Raíña Lupa é unha das moitas mulleres bravas de Galicia, por iso lle dicían as lendas Loba ou Luparia, como fero e bravo é o cánido salvaxe que protagoniza tantos dos nosos contos de inverno na lareira. Algúns escritos localizan a súa morada e dominios no Castro de Mallou (Carnota) na Idade do Ferro, e ata falan moitas lerias do grande tesouro da Raíña Lupa, agochado e nunca atopado nunha cova interna do encoadoiro do Ézaro (Dumbría), onde ferve o Xallas. 


Por si fora pouca a vinculación desta soberana entre castrexa e medio "moura" coa Costa da Morte, aínda habería que lembrar que calqueira roteiro polo Monte Pindo que se precie deberá pasar a carón dos Xigantes,  uns enormes penedos graníticos con certo xeito antropomórfico que parecen vixiar e gardar o reino misterioso de Luparia. 
O medieval Códice Calixtino menciona tamén a esta raíña coma unha persoaxe ben significada e importante na lenda da traslación dos restos do apóstolo Santiago, si ben sempre desde a intención sincrética do Cristianismo de adaptar as figuras consolidadas na cultura ancestral autóctona á súa inclinación relixiosa. Nesta historia, unha intelixente Lupa engana por dúas veces á cansina comitiva mortuoria para desfacerse deles e, na segunda, mándaos xunguir uns bois seus que en realidade eran touros tan bravos coma ela. Indómita e agreste no imaxinario, nembargantes a raíña convírtese no texto publicitario do Camiño de Santiago á fé cristiá ao ver _ según o Códice_ como as bestas ficaban mansas por miragre do santos restos. Esta campaña publicitaria medieval deulles éxito ate hoxe en día. 


Lanuxos quixo materializar en lá esta arrichada e temible soberana galega e dotouna de rexio toucado lupario na súa testa, así como dun cetro con cornos de touro lembrando aquel episodio lendario. Que as mulleres guerreiras non señan condenadas ao esquecemento!